SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Tesmoforiantes de Aristófanes
Feb 14th, 2012 by Fendetestas

Esta é a obra que temos que ler para preparar a asistencia á representación teatral que iremos ver a Lugo o vindeiro luns día 12 de marzo, As Tesmoforiantes ou Tesmoforias (Θεσμοφοριάζουσαι) de Aristófanes, representada pola Compañía de Teatro El Ruiseñor.

 

Para podermos avanzar na súa lectura teredes que facer un “pequeno” traballo. Como sabedes, moitos dos libros que adoitades ler durante o curso teñen notas a pé de páxina pensadas para facilitar a comprensión da obra. A edición que tedes nas mans ten unha boa introdución e guía didáctica pero carece de notas puntuais a pasaxes do texto. Vós seredes quen de anotar esta tradución seguindo as indicacións que vos imos dar.

Queremos agora destacar esta edición en tres volumes da tradución ao castelán de Federico Baráibar y Zumárraga das comedias de Aristófanes feita en torno ao 1883 e publicada pola Editorial Hernando entre 1942 e 1962. Podedes botarlle unha ollada na biblioteca do centro para ler unha “curiosa” tradución. No propio prólogo explica a súa motivación:

Abundan en ella parodias de muchos pasajes de Eurípides cuya gracia se ha perdido para nosotros, y, lo que es peor, la afean a cada momento indecencias y obscenidades reveladoras de tan repugnantes vicios, que hemos tenido que dejarlas en griego, por no atrevernos a presentarlas ni aún bajo el velo del latín.

Non basta isto para motivar a súa lectura? Parece non apta para menores… Non lle digades a ninguén o que ledes en clase de grego…

Aquí vos deixo o prólogo completo e algúns deses “curiosos” exemplos de tradución velada

Relatos verídicos de Luciano de Samósata
Dec 2nd, 2010 by Fendetestas

Vén de presentarse a primeira tradución ao galego dos Relatos verídicos (Ἀληθῆ διηγήματα) de Luciano de Samósata publicada pola Editorial Rinoceronte de Cangas do Morrazo especializada en traducións.

Coñecido como Luciano de Samósata, este intelectual e escritor do século II da nosa era, nacido na provincia romana de Siria e formado na retórica, filosofía e literatura clásica, polemista, irónico, finamente satírico -ata con el mesmo- e dun ático claro e asequible para un iniciado no grego clásico, merece ocupar un lugar máis senlleiro dentro da nosa literatura.

Dentro dos escritos nos que predomina a parodia de elementos da actualidade é onde se encadra a obra que nos ocupa, os Relatos verídicos, coñecidos tamén como Historia verdadeira, irónica xa no propio título, traducida por vez primeira ao galego e que baixo a forma narrativa dun diario de abordo, fai unha singradura pola filosofía e literatura da época e polo mundo coñecido e imaxinado.

Considerada como precursora da ciencia ficción, é, se cadra, o primeiro texto da literatura occidental conservado no que se relata unha viaxe á Lúa. A sátira, que o definía, impactará en autores tan sobranceiros como Tomás Moro, Erasmo, Ludovico Ariosto, Cyrano de Bergerac, Voltaire, Rabelais, Jules Verne, Jonathan Swift ou, posteriormente, H. G. Wells, por citarmos algúns.

No seu periplo pasa por unha illa cun río de viño e mulleres-vide e unha tempestade eleva a nave polos aires ata chegar á Lúa onde participan nunha batalla entre os selenitas e os habitantes do Sol no medio de xigantescas formigas, pulgas voadoras, voitres tricéfalos… De aí viaxan atravesando o ceo, pasando polo Luceiro da alba, polo Zodíaco e desembarcan na chamada Lucernópole, onde habitan e gobernan as lámpadas. Alcanzan finalmente o océano e son engulidos por unha balea descomunal dentro da cal habitan as tribos hostiles dos salgadores, tritonocabros, cangrexopinzas, cabezatúns, necoridas e sollápodos. Logo de pasaren máis de ano e medio levando unha vida tranquila dentro da balea e despois de contemplaren a batalla naval entre as xigantescas illas-barco, gobernadas por homes de 90 metros deciden, xa no libro II, saír da balea incendiando o bosque que hai dentro dela.

Navegan por un mar de xeo e depois por un de leite para chegar a unha illa de queixo. Atopan os habitantes da illa Cortizó que son quen de camiñaren sobre a auga sen afundiren. A seguinte parada faina na illa dos benaventurados onde describe a cidade dos mortos e mesmo se encontra con Homero, Odiseo, Anacreonte, Estesícoro e outros autores. Aproveita a presenza de Platón, Pitágoras, Empédocles e outros filósofos e a ausencia de estoicos e académicos para introducir as críticas a estes pensadores. Revive o rapto de Helena por parte dos seus compañeiros o que lles vale a expulsión do lugar. De alí chegan á illa dos impíos onde se encontra con Cíniras, Ctesias de Cnido, Heródoto e outros moitos.

Desembarcan logo na illa dos soños e despois en Oxixia onde ten oportunidade de falar con Circe. Despois do encontro cos cabazapiratas e os noznautas, atopan o niño dun alción e contemplan extraordinarios prodixios. Continúan a navegación polas copas das árbores do bosque mariño e  chegan a unha fenda no propio mar que atravesan por unha ponte de auga. A próxima parada é na illa dos cabezabois e de alí, logo de atopar os homes que navegan usando os falos como mastro do velame, chegan á illa das patiasnas, das que se libran para rematar a viaxe no “continente que estaba ao outro lado do que nós habitamos”.

Podedes ver unha selección de textos dos Relatos nesta web do profesor Ángel Luis Gallego Real do I.E.S. Vegas Bajas de Montijo (Badajoz) para practicar os vosos coñecementos. Fixádevos en que tedes notas que vos axudarán na tradución.

Mirade que curioso vídeo-resume da primeira parte do libro:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UlJG-mEaMmY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

E aquí a segunda:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/d5KuU5ldOxc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Reseñas e referencias:

 

Homero e Joma
Dec 4th, 2009 by Fendetestas

Nesta ocasión quérovos presentar o traballo dun grande da ilustración: Joma.

Publica semanalmente na revista Magazine que se distribúe as fins de semana con xornais como La Vanguardia, Faro de Vigo, La Opinión da Coruña

logo magazine

Logo dunha serie de viñetas-reflexión sobre o libro, dende o ano 2007 vén aparecendo unha ilustración semanal na que conta un episodio dos poemas épicos de Homero. Xa rematou a historia de Odiseo e agora podemos ver a súa versión da Ilíada. Pero, aparte do seu trazo e uso da acuarela, o que fai que o citemos aquí é que utiliza o texto grego orixinal como parte do deseño e, así, as palabras de Homero tamén debuxan.

Mirade este exemplo da Odisea

2007_12_30 Polifemo, como un león, se come a los hombres de Odiseo

  • Ὥς ἐφάμην, ὁ δέ μ᾽ οὐδὲν ἀμείβετο νηλέι θυμῷ, ἀλλ᾽ ὅ γ᾽ ἀναΐξας ἑτάροις ἐπὶ χεῖρας ἴαλλε, σὺν δὲ δύω μάρψας ὥς τε σκύλακας ποτὶ γαίῃ κόπτ᾽· ἐκ δ᾽ ἐγκέφαλος χαμάδις ῥέε, δεῦε δὲ γαῖαν. τοὺς δὲ διὰ μελεϊστὶ ταμὼν ὡπλίσσατο δόρπον· ἤσθιε δ᾽ ὥς τε λέων ὀρεσίτροφος, οὐδ᾽ ἀπέλειπεν, ἔγκατά τε σάρκας τε καὶ ὀστέα μυελόεντα.

Odisea IX, vv. 287-292

  • Así eu lle falei, e el, con corazón implacable, nada me respondeu; mais ergueuse dun salto e, botando man ós meus compañeiros, agarrou a dous deles a un tempo, coma quen colle uns cadeliños, e esmagounos sen máis contra o chan. E os seus miolos para fóra corrían e mollaban a terra. De seguida, sortounos membro òr membro e preparouse con eles a cea. E, coma un león, criado nos montes, comeunos e nada deles deixou, nin entrañas, nin carnes nin ósos cheos de medula.

Tradución de Evaristo de Sela

Pois, como o alumnado de 2º de BAC ten como lectura obrigatoria a Ilíada e os de 1º unha versión da Odisea, vos propoño o seguinte:

  1. Por suposto, ler cadaquén a súa obra.
  2. Escoller un episodio do poema épico que leades e que vos guste e atopar as viñetas de Joma que aluden ao mesmo. Aquí vos deixo o enlace do Magazine onde aparecen. Teredes que ir buscando na barra numerada de abaixo porque só aparecen tres viñetas por páxina.
  3. Xa que a resolución na que aparecen na web non permite ler o texto, quero que o busquedes vós. En galego ou castelán está ben, pero en grego, como fixo Joma, xa sería ideal. Tedes varias opcións: a máis sinxela é localizar o texto nunha tradución ao castelán ou galego e, vendo o canto e os versos, buscalos na Biblioteca Augustana ou en Lato.

Isto é o que eu fixen coa viñeta de Polifemo que vedes arriba. Bueno, a ver que dades feito vós.

Biblioteca
Abr 30th, 2009 by Fendetestas

Tania Vázquez estivo nesta biblioteca e fixo unhas fotos. Propón que intentemos averiguar onde se atopa seguindo as pistas que ela mesma nos irá proporcionando.

Eu aínda non o dei averiguado.

Disque agora, esta biblioteca, está pechada e que nos debemos fixar en que se poden apreciar nos corredores os escudos das catro provincias galegas…

Onde está Tany?


»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa