SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Xeroglífico en grego
Feb 13th, 2012 by Fendetestas

Vistas as fotos das protestas de onte en Atenas… quen pode resolver este xeroglífico en grego?

Reparade nos seguintes elementos:

Cruz gamada con reminiscencias ao nacismo no escudo de Europa e o que parece un euro seguidode números… romanos?

  1. Con que letra do alfabeto a relacionas?
  2. En que culturas podes atopar representacións deste símbolo?
  3. Por que o nacismo adoptou este emblema e que significado tiña?
  4. €XI: por onde van os tiros deste “xeroglífico”?…

Dúas pistas: NON é o que parece e é máis MODERNO do que pensas.

 

 

Guía visual de Grecia
Out 6th, 2011 by Fendetestas

PROPOSTA

O alumnado de Grego I deste curso vai iniciar a súa andaina bloguera elaborando unha guía xeográfica e histórica de diversas localizacións da Grecia antiga. A idea é que lle presentedes aos nosos lectores e lectoras o máis relevante deses lugares, de xeito que dende a pantalla do ordenador calqueira poidamos viaxar ata aló e ata entón…

FORMATO

Podedes presentar o voso traballo no formato electrónico que desexedes (word, pdf, presentación de diapositivas, etc) e incluír nel, textos, fotos, vídeos, sons, enlaces a páxinas web.

TEMAS

Como sodes 23 alumnas e alumnos, ides ser vós quen escolla o tema do seguinte listado (en vermello os xa escollidos):

  1. Atenas
  2. Cnosos (Creta)
  3. Corinto
  4. Delfos
  5. Delos
  6. Éfeso
  7. Empúries (Ampurias)
  8. Epidauro
  9. Esparta
  10. Ítaca
  11. Lesbos
  12. Macedonia
  13. Magna Grecia
  14. Maratón
  15. Micenas
  16. Mileto
  17. Olimpia
  18. Olimpo (monte)
  19. Quíos
  20. Tebas
  21. Tera (Santorini)
  22. Termópilas
  23. Troia

Tamén existe a posibilidade de que vós propoñades outro. Cando escollades escribide a vosa decisión nos comentarios que vedes embaixo poñendo voso nome e o lugar seleccionado.

AVALIACIÓN

Valoraranse ata 2 puntos cada un dos seguintes apartados:

  • Presentación
  • Orixinalidade
  • Contido
  • Visibilidade do esforzo e tempo empregado
  • Variedade de medios utilizados

MATERIAIS

Ao rematardes o traballo enviádeo no prazo estipulado (antes do luns 24 de outubro) ao seguinte enderezo fendetestas.blogaliza@yahoo.es

Kαλό ταξίδι και καλή δουλειά…

Viaxe a Grecia
Out 7th, 2010 by Fendetestas

O pasado curso iniciamos una experiencia que consistiu en que o alumnado da materia de Grego I, que ten que dominar os contidos referidos á xeografía e historia de Grecia, debían imaxinar unha viaxe virtual no tempo aos distintos períodos e emprazamentos do mundo helénico e demostrar que “estiveran” alí, aportando datos da súa “visita”. Eses datos que recompilaban na rede, libros e fontes variadas, aparecerían periodicamente no seu diario de viaxe co formato dun blogue que elas e el crearon e onde ían falando dos lugares que visitaban, as persoas que coñecían e as épocas das que eran testemuñas. Na entrada que podedes ver máis abaixo tedes o resto dos datos.

Este curso e ante a perspectiva de podermos facer unha viaxe á Grecia actual, xa non virtual, senón real, ocorréusenos elaborardes entre todas unha guía de viaxe con documentación e materiais útiles para que queira ir aló.

As viaxeiras serán: Rebeca, Nerea, Yolanda e Ximena… un estupendo xineceo!

Acéptanse contribucións externas a traves dos comentarios…

E imos comezar repartindo o traballo:

  • Ximena será a encargada de nos aprender as palabras e frases básicas para podérmonos comunicar.
  • Rebeca vaise encargar de investigar todo o relacionado coa numismática grega, tanto o moderno euro como as antigas dracmas.
  • Nerea recompilará información verbo da gastronomía helénica: receitas, produtos…
  • Yolanda ocuparase de informarnos sobre que mercar en Grecia.

Toda a información irémola publicando aquí e servirá para avaliar os vosos coñecementos sobre xeografía e historia de Grecia.

Os criterios de avaliación son os seguintes, para que saibades a qué vos ater, e cada un será cualificado cun valor do 20% da nota da actividade, é dicir, 2 puntos sobre 10 e, claro está, a nota de cada “noticia” que publiquedes fará media co resto das notas  e terá un valor do 40% sobre a nota final da avaliación tal e como temos visto na programación da materia.

  1. Variedade de medios utilizados no artigo: documentación escrita, fotografías, vídeos, hiperenlaces… e calidade da presentación; como suxestión dicir que non sempre se trate dun documento de word… usade tamén as presentacións de diapositivas ou outras posibilidades que se vos ocorran.
  2. Orixinalidade na presentación e nos contidos.
  3. Cantidade de datos aportados que demostren o traballo e esforzo dedicado.
  4. Cada documento deberá incluír ao final a bibliografía e webs das que obtivestes a información e un apartado de exercicios, actividades, preguntas ou enigmas para que os lectores poidamos resolver.
  5. Corrección ortográfica e presentación como en calquera traballo ou exercicio que presentedes, seguindo os criterios de cualificación que coñecedes e que tamén aparecen na programación.

καλή δουλειά και καλή τύχη

Viaxe á antiga Grecia
Out 7th, 2009 by Fendetestas

Durante este trimestre ides ir de viaxe a Grecia… pero non é unha viaxe normal, nin hai que reservar hoteis, nin preocuparse polos avións. A vosa viaxe será virtual, no só no espazo, senón tamén no tempo.

OBXECTIVOS

Usaredes a  información obtida no propio libro de texto (no derradeiro apartado de cada tema) e outras fontes que poidades manexar. O primeiro será creardes un blogue, en realidade unha bitácora de viaxe. Nela iredes comentando as distintas etapas do percorrido que vós deseñaredes.

E lembrade: a viaxe será de cidade en cidade, de illa en illa, de rexión en rexión e de colonia en colonia; pero tamén será no tempo, porque o medio de transporte que escollades vaivos permitir desplazarvos por distintas épocas. En cada unha das anotacións que fagades na bitácora teredes que reflectir datos históricos e xeográficos reais.

VALORACIÓN E CUALIFICACIÓN DA ACTIVIDADE

  • número de anotacións ou entradas na bitácora: 20% da nota
  • datos xeográficos reais, localizacións, fotografías, vídeos… 20%
  • datos históricos reais, personaxes, acontecementos… 20%
  • orixinalidade na argumentación e relato de viaxe, redacción: 20%
  • variedade de medios incluídos na bitácora: fotografías, vídeos, enlaces http, documentación variada… 20%

PISTAS E MATERIAIS

Xeografía:

  1. Tanto na Galipedia como na Wikipedia tedes materiais para vos ir iniciando.
  2. Web do Departamento de Clásicas dun colega dun colexio de Marín…
  3. E, por último, no seu blogue, Verba Volant atoparedes cuestionario, enlaces, etc.

Historia:

  1. Recursos Palladium na páxina do MEC
  2. Por suposto, a Galipedia
  3. Unha guía para coñecer algúns personaxes da historia grega cos que sen dúbida vos atoparedes no voso periplo.

AS VOSAS BITÁCORAS

A viaxe comezou… o lugar o momento de partida son aquí e agora e a meta, o coñecemento da historia e xeografía de Grecia…

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa