SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Dialectos gregos
Out 18th, 2012 by Fendetestas

Para quen estades preparando o exame e precisades máis datos sobre como as correntes migratorias influiron na división dialectal en Grecia, mirade estes mapas:

  

 

 

 

 

 

 

AS RAZÓNS DA DIVISIÓN DIALECTAL

Desde moi cedo os gregos estableceron unha diferenza clara entre os dorios e os aqueos, correspondéndose os primeiros cos «invasores» da segunda onda de poboamento, os mesmos que fixeron desaparecer a civilización micénica.

Estes movementos migratorios desprazaron os habitantes xa asentados en Grecia cara a territorios máis ao Sur e ao Leste como aconteceu cos aqueos, dos que un resto quedou na zona central do Peloponeso (arcadio) e despois foi levado por colonos  polo sur de Asia menor (panfilio) e ata a illa de Chipre (chipriota). Tamén os xonios (xónico), que se desprazaron ás illas do centro do mar Exeo, Eubea e costa central de Asia menor. O subdialecto ático quedou restrinxido á península de Ática, aínda que sendo a forma lingüística de Atenas, foi a que, con moita diferenza, tivo unha máis ampla produción literaria na época clásica.

Pola súa banda, o dialecto eolio, orixinario das rexións continentais de Tesalia e Beocia e que ás veces é considerado froito dunha corrente migratoria posterior á doria, foi levado despois polos colonos ás illas do norte do Exeo e da costa de Asia Menor coñecida como Eolia.

Aquel dialecto ático, con aportacións sobre todo xonias, deu lugar á koiné (κοινὴ διαλεκτός), que acabou por impoñerse como lingua oficial en todo o Mediterráneo oriental e no Imperio formado por Alexandre. Na época romana a koiné utilizouse como lingua de cultura e posteriormente foi a lingua oficial do Imperio Bizantino (s. V ao XV).

Na actualidade os gregos distinguen entre dúas formas de lingua: a καθαρεύσα (limpa ou culta) e a δημοτική (popular), que é a variedade falada. Os gregos actuais son conscientes e orgullosos de falaren o mesmo grego, basicamente, da época clásica. A diferenza é semellante á que pode haber entre o galego actual e o das cantigas medievais.

 

Probade agora a facer este exercicio para repasar

 

E PARA SABER MÁIS:

As familias lingüísticas
Set 27th, 2011 by Fendetestas

 
 

 

 

mapa elaborado pola alumna Alba Sanjorge

Iniciamos este novo curso co tema das familias lingüísticas. O alumnado de 1º de BAC da materia de latín vai ser o encargado da investigación.

Logo da explicación na clase, van buscar como se din unha serie de palabras en diferentes idiomas para logo observar as semellanzas e diferenzas que existen entre as diversas familias.

En primeiro lugar, haberán de escoller tres linguas, unha da familia neolatina, outra da familia indoeuropea e outra dunha familia non indoeuropea.

Unha vez escollidas terán que averiguar como se din nesas linguas os seguintes grupos de palabras

  1. días da semana
  2. números do 1 ao 10
  3. léxico de parentesco: pai, nai, fillo/a, irmá(n), etc

Deste xeito acabaremos elaborando un documento semellante a este referido ás linguas románicas:

 

Agardo os vosos traballos…

Alfabeto cirílico
Xan 27th, 2010 by Fendetestas

Dende Historia na Lama chegades aquí na procura de información sobre o alfabeto cirílico e sobre a grafía do ruso. Se cadra vos preguntaredes que ten que ver o ruso con este blogue do mundo latino e grego. Xa veredes…

A lingua rusa pertence á rama eslava da familia de linguas indoeuropeas e, como podedes ver neste cadro, o ruso é unha lingua curmá do galego, xa que teñen devanceiros comúns: o eslavo e o latín, porén, como puidestes ir descubrindo na vosa procura de datos parece que non teñan nada que ver, pero iso ocorre porque só nos fixamos no aspecto externo, é dicir, no sistema de escritura que utilizan. As linguas latinas (e moitas outras) utilizan o abecedario latino e o ruso utiliza o chamado cirílico.

Se cadra, xa descubristes a orixe deste sistema de escritura. O sistema alfabético, é dicir, o que utiliza un símbolo para representar -máis ou menos- un son, naceu en Fenicia, na costa oriental do Mediterráneo, onde hoxe en día están Líbano e Israel e onde evolucionou cara á escritura árabe e hebrea, dúas linguas irmás (para dous pobos enfrontados).

Os comerciantes fenicios, levaron consigo tamén a súa escritura e esta foi agromando nas costas de Grecia na que deu orixe aos alfabetos gregos. Mirade este cadro comparativo coa forma das letras que naceron, ao fin e ao cabo, dos xeroglíficos exipcios.

Neste vídeo veredes como se supón que foi a evolución dos signos:

Este alfabeto grego, que tamén viaxou ata á península itálica cunha parada na cultura etrusca, foi o escollido, no século IX, polos monxes Cirilo e Metodio para, no seu labor misioneiro difundir as escrituras sagradas entre o pobo eslavo. Adaptaron as letras gregas, a súa lingua de formación e estudo, á fonética do antigo eslavo, que era a súa lingua materna. É o chamado alfabeto glagolítico, no que se basea o cirílico e do cal procede o actual alfabeto ruso. Na Galipedia podedes ler máis polo miúdo toda esta historia.

E aquí estamos. A cuestión que debedes resolver é o significado destas palabras:

  • Союз Советских Социалистических Республик
  • Владимир Ильич Ульянов (Ленин)

Primeiro unhas pistas gráficas…

Estas letras que se parecen aos ces e pes do noso abecedario latino, en realidade non teñen nada que ver con elas. Chegou o momento de comprobar se sodes quen de ler o alfabeto cirílico utilizando as correspondencias desta táboa:

Só tedes que substituír cada letra pola súa pronunciación aproximada para poder entender o que di. Tamén, se vos atascades, sempre está a posibilidade de recorrer a esta axudiña… pero é menos divertido e tes menos que discorrer, co cal non terás o privilexio de facerte máis intelixente.

E xa para rematar cun toque clásico, reparade na etimoloxía da palabra Tsar (царь), relacionada tamén co alemán Káiser, dato que podedes incluír na vosa webquest.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa