SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Marcas rexistradas, produtos comerciais e léxico
Set 9th, 2013 by Fendetestas

http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Blue_tapes_cutter.jpg
http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Blue_tapes_cutter.jpg

O produto que nos ocupa é unha película fina e transparente elaborada a partir de celulosa vexetal tratada con elementos alcalinos e posteriormente ácidos, dando orixe á lámina que usamos en envases e envoltorios. Foi inventada e rexistrada polo enxeñeiro suízo E. Brandenberger en 1908 co nome comercial de Cellophane, palabra derivada de cell(ulose) e (dia)phane. Celulosa deriva do latín cella que significa “celda” e diáfano, do verbo grego διαφάνειν que significa “aparecer”. O inventor bautizouno co nome híbrido de “película de celulosa transparente”.

En canto á tira transparente adhesiva, o nome da marca Cello-Tape acabou por lexicalizarse e agora usamos a forma abreviada ‘celo’, aplicada a calquera película transparente con adhesivo, malia que hoxe en día non se fabriquen con celulosa, senón que predomine o polipropileno, un derivado do petróleo.

Ο polipropileno é un polí(mero) (πολύ + μέρος: moitas partes, porque son macromoléculas formadas por outras moléculas máis pequenas) que se obtén do propileno (ou propeno) palabra formada pola raíz prop- (que se usa para 3 átomos de carbono; como met- indica 1 átomo; et-, 2 e but-, 4). O seguinte elemento, -il- deriva do grego ὕλη “bosque”, “madeira”, “materia prima”, e de aí “orixe”, facendo referencia ao feito de que é a base á que se unen por enlace químico outros elementos. Por último, o sufixo -eno, igual que -ano, -ino úsanse para indicar o número de enlaces compartidos do hidrocarburo.

Ademais de ‘celo’, hai quen lle chama ‘fixo’, pronunciado [fikso] ou [fiso] , ‘tesafilm‘ ou ‘desafil’. Como se pode comprobar, todos son nomes de marcas comerciais lexicalizadas.

Podemos concluír que o nome común de “cinta adhesiva” non tivo o éxito de que gozaron as marcas, porque noutros lugares tamén se usan os termos escoch, diurex, celoven, etc. Τοdο depende da empresa que primeiro se implantou ou da predominante no mercado.

http://www.celoven.com/Images/prod_empaque_back.jpg

http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/8/81/Scotch_Tape.jpg

Orixes, cinco fitos na evolución humana
Mai 29th, 2012 by Fendetestas

Como estes días estivo connosco a exposición Orixes da Obra Social de La Caixa aproveitamos para visitala, aprender algo máis sobre a evolución da nosa especie e, como non, un anaco de etimoloxía.

 

Esta foi a nosa proposta de traballo por se alguén quere servirse dela:

1. Atopa información nos paneis da exposición ou completa cos teus propios coñecementos e con datos de internet para unir a definición cos seguintes termos e a etimoloxía, como no exemplo

  • antropoloxía: estudo do ser humano  (ὁ ἀνθρώπος,-ου  +  ὁ λόγος,-ου)
  • ardipithecus
  • afarensis
  • ramidus
  • paranthropus
  • ergaster
  • antecessor
  • neanderthalensis
  • rhodesiensis
  • floresiensis
  • mamífero
  • primate
  • antropopiteco
  • antropomorfo
  • paleolítico
  • humanoide
  • bípede

2. Inventa o nome das seguintes especies en función da definición que che damos:

  • Especie preto do mono atopado en Pontevedra: Parapithecus pontevedrensis
  • Con aspecto de mono e que camiña a catro patas
  • Home do sur con forma de pedra
  • Mono que leva pés
  • Estudo dos primeiros monos

Aquí vos deixo a ficha completa para descargar e tamén a presentación que vimos en clase cos datos etimolóxicos para completar os exercicios. Atopade nela os enlaces que necesitedes para resolverdes algunhas cuestións.

Non me podía resistir a poñervos esta montaxe de “multilingüísmo harmónico” nos folletos e trípticos que nos deron.  Haiche moito tradutor en paro…

Etimoloxía. do latín ao galego e castelán
Mar 23rd, 2012 by Fendetestas

Para consultar:

Neste enlace podedes atopar a información toda e exercicios para practicardes:

Fichas con exercicios interactivos:

 

Vocabulario
Nov 10th, 2011 by Fendetestas

Comezamos co estudo do vocabulario. Xa sabedes que ao final de curso debedes coñecer unhas 300 palabras de uso básico, tanto en latín como en grego. Isto seravos moi útil, non só para traducir textos sen necesidade de andar mirando continuamente o dicionario, senón tamén, e sobre todo, para ampliar o voso léxico tanto en galego como en castelán.

Poderiamos organizar este vocabulario por orde alfabética, como aparece nos dicionarios, ou por orde de frecuencia, é dicir, escollendo as palabras máis usadas. Nós imos utilizar o criterio gramatical, é dicir, escolleremos palabras da 1ª declinación, da 2ª, adxectivos, e así sucesivamente a medida que vaiamos avanzando coas explicacións gramaticais, clasificadas en función do seu xénero ou tipoloxía.

Cada unha das palabras do vocabulario estará enunciada co correspondente Nom. e Xen. (máis o artigo no caso de grego), seguido do seu significado e de derivadas ou compostas en galego que vos servirán para lembrar os significados e ao mesmo tempo para aprender neoloxismos, helenismos e palabras técnicas.

Aquí vos queda a primeira xeira. Mirade os seguintes vocabularios de grego. Tede en conta que debedes instalar a fonte Sgreek para os poder ler.  Aquí tedes as instrucións necesarias:

 
 
 
 

Para que vexades como pode ser o exame deste vocabulario aí vos vai un “simulacrum”.

Practicade!

Alfabeto cirílico
Xan 27th, 2010 by Fendetestas

Dende Historia na Lama chegades aquí na procura de información sobre o alfabeto cirílico e sobre a grafía do ruso. Se cadra vos preguntaredes que ten que ver o ruso con este blogue do mundo latino e grego. Xa veredes…

A lingua rusa pertence á rama eslava da familia de linguas indoeuropeas e, como podedes ver neste cadro, o ruso é unha lingua curmá do galego, xa que teñen devanceiros comúns: o eslavo e o latín, porén, como puidestes ir descubrindo na vosa procura de datos parece que non teñan nada que ver, pero iso ocorre porque só nos fixamos no aspecto externo, é dicir, no sistema de escritura que utilizan. As linguas latinas (e moitas outras) utilizan o abecedario latino e o ruso utiliza o chamado cirílico.

Se cadra, xa descubristes a orixe deste sistema de escritura. O sistema alfabético, é dicir, o que utiliza un símbolo para representar -máis ou menos- un son, naceu en Fenicia, na costa oriental do Mediterráneo, onde hoxe en día están Líbano e Israel e onde evolucionou cara á escritura árabe e hebrea, dúas linguas irmás (para dous pobos enfrontados).

Os comerciantes fenicios, levaron consigo tamén a súa escritura e esta foi agromando nas costas de Grecia na que deu orixe aos alfabetos gregos. Mirade este cadro comparativo coa forma das letras que naceron, ao fin e ao cabo, dos xeroglíficos exipcios.

Neste vídeo veredes como se supón que foi a evolución dos signos:

Este alfabeto grego, que tamén viaxou ata á península itálica cunha parada na cultura etrusca, foi o escollido, no século IX, polos monxes Cirilo e Metodio para, no seu labor misioneiro difundir as escrituras sagradas entre o pobo eslavo. Adaptaron as letras gregas, a súa lingua de formación e estudo, á fonética do antigo eslavo, que era a súa lingua materna. É o chamado alfabeto glagolítico, no que se basea o cirílico e do cal procede o actual alfabeto ruso. Na Galipedia podedes ler máis polo miúdo toda esta historia.

E aquí estamos. A cuestión que debedes resolver é o significado destas palabras:

  • Союз Советских Социалистических Республик
  • Владимир Ильич Ульянов (Ленин)

Primeiro unhas pistas gráficas…

Estas letras que se parecen aos ces e pes do noso abecedario latino, en realidade non teñen nada que ver con elas. Chegou o momento de comprobar se sodes quen de ler o alfabeto cirílico utilizando as correspondencias desta táboa:

Só tedes que substituír cada letra pola súa pronunciación aproximada para poder entender o que di. Tamén, se vos atascades, sempre está a posibilidade de recorrer a esta axudiña… pero é menos divertido e tes menos que discorrer, co cal non terás o privilexio de facerte máis intelixente.

E xa para rematar cun toque clásico, reparade na etimoloxía da palabra Tsar (царь), relacionada tamén co alemán Káiser, dato que podedes incluír na vosa webquest.

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa