SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Etimoloxía. do latín ao galego e castelán
Mar 23rd, 2012 by Fendetestas

Para consultar:

Neste enlace podedes atopar a información toda e exercicios para practicardes:

Fichas con exercicios interactivos:

 

Tesmoforiantes de Aristófanes
Feb 14th, 2012 by Fendetestas

Esta é a obra que temos que ler para preparar a asistencia á representación teatral que iremos ver a Lugo o vindeiro luns día 12 de marzo, As Tesmoforiantes ou Tesmoforias (Θεσμοφοριάζουσαι) de Aristófanes, representada pola Compañía de Teatro El Ruiseñor.

 

Para podermos avanzar na súa lectura teredes que facer un “pequeno” traballo. Como sabedes, moitos dos libros que adoitades ler durante o curso teñen notas a pé de páxina pensadas para facilitar a comprensión da obra. A edición que tedes nas mans ten unha boa introdución e guía didáctica pero carece de notas puntuais a pasaxes do texto. Vós seredes quen de anotar esta tradución seguindo as indicacións que vos imos dar.

Queremos agora destacar esta edición en tres volumes da tradución ao castelán de Federico Baráibar y Zumárraga das comedias de Aristófanes feita en torno ao 1883 e publicada pola Editorial Hernando entre 1942 e 1962. Podedes botarlle unha ollada na biblioteca do centro para ler unha “curiosa” tradución. No propio prólogo explica a súa motivación:

Abundan en ella parodias de muchos pasajes de Eurípides cuya gracia se ha perdido para nosotros, y, lo que es peor, la afean a cada momento indecencias y obscenidades reveladoras de tan repugnantes vicios, que hemos tenido que dejarlas en griego, por no atrevernos a presentarlas ni aún bajo el velo del latín.

Non basta isto para motivar a súa lectura? Parece non apta para menores… Non lle digades a ninguén o que ledes en clase de grego…

Aquí vos deixo o prólogo completo e algúns deses “curiosos” exemplos de tradución velada

Xeroglífico en grego
Feb 13th, 2012 by Fendetestas

Vistas as fotos das protestas de onte en Atenas… quen pode resolver este xeroglífico en grego?

Reparade nos seguintes elementos:

Cruz gamada con reminiscencias ao nacismo no escudo de Europa e o que parece un euro seguidode números… romanos?

  1. Con que letra do alfabeto a relacionas?
  2. En que culturas podes atopar representacións deste símbolo?
  3. Por que o nacismo adoptou este emblema e que significado tiña?
  4. €XI: por onde van os tiros deste “xeroglífico”?…

Dúas pistas: NON é o que parece e é máis MODERNO do que pensas.

 

 

CONCVRSO DE CVLTURA CLÁSICA ODISEA 2012
Xan 13th, 2012 by Fendetestas

Un ano máis procederemos a nos embarcar na nosa Odisea particular…

Este ano tamén en  Twitter  #odiseaconcurso  e  en  http://thefounta.in/vgEFc

Intentaremos participar e sobre todo aprender… esa será a nosa competición particular: saber máis cando rematemos que cando comezamos, con ese reto por diante é imposible saírmos derrotados/as.

Este curso, o tema que centrará o concurso será “as viaxes no mundo grecorromano”.

Os tres primeiros días (6, 7 e 8 de febreiro) sairán publicadas tres “preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:

  • día 6:  tres preguntas sobre as viaxes na mitoloxía grega e romana.
  1. Esta deusa axudou na construción do máis famoso barco da antigüidade.
  2. Na viaxe de regreso á súa cidade provocou a desgraza paterna por un lamentable descoido coas velas do seu barco.
  3. Aproveitando o descanso dun famoso viaxeiro que regresaba á súa patria, este personaxe rouboulle parte do seu botín camiñando cara atrás.
  •  día 7:  tres preguntas sobre as viaxes na vida cotiá en Grecia e Roma.
  1. Dispositivo incorporado aos carros en Roma para “medir os camiños”.
  2. En latín, singular: medio de transporte moi habitual nas rúas de Roma, onde os escravos soportaban todo o peso.
  3. Veloz servizo de correos que axudaba ao exército ateniense.
  • día 8:  tres preguntas sobre as viaxes na historia e institucións grecolatinas.
  1. Nome en latín da principal vía romana cara ao leste.
  2. Explorador cario que navegou ata o Océano Índico por mandato dun rei persa.
  3. En plural, este belicoso pobo oriental causou a morte dun famoso político e xeneral romano e fixo desaparecer unha lexión enteira cuxos soldados foron feitos prisioneiros, asasinados ou escravizados.
  • día 9 de febreiro: sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as  preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre as viaxes na Literatura grecolatina.
  1. Título latino dun poema de viaxe perdido dun escritor e político romano.
  2. Desta cidade saíu para evitar o seu destino que, sen embargo, o estaba a esperar inexorablemente noutra.
  3. Nesta cidade de Grecia viviu longo tempo un escritor que viaxou polo espazo.
  4. Comedia que nos conta a funesta viaxe por mar dun lenón que trafica con escravas.
  5. Illa na que un viaxeiro épico permaneceu retido durante sete anos.
  6. Teríalle gustado viaxar co seu amigo pero preferiu ser prudente e quedar na illa.
  7. Neste lugar un soldado resulta burlado polos seus criados e veciños, e mesmo azoutado por un cociñeiro.
  8. Poemas de viaxes de volta.
  9. Poeta viaxeiro que deixou a unhas aves encargadas de narrar a súa terrible morte.
  10. Mariño grego que narrou as súas viaxes por afastadas e frías terras nunha obra perdida na queima da Biblioteca de Alexandría.
  11. Temoneiro que foi sacrificado durante unha travesía descrita nun poema latino e que deu nome a un cabo.
  12. En latín. Nomen dun ilustre romano que viaxou incansablemente polo imperio. A morte sorprendeuno lonxe do seu fogar, pero as súas cinzas foron depositadas onde se faría inmortal para sempre.
  13. En latín, nome da vila onde morreu un naturalista romano despois de emprender unha viaxe sen retorno cos seus barcos para socorrer aos seus amigos, que residían alí.
  14. En latín, obra dun escritor grego onde se describe a fantástica viaxe dun filósofo.

Na páxina web da SEEC Galicia podedes consultar as bases e calendario do concurso  e unha relación de respostas ás dúbidas máis frecuentes que se teñen dado (Axuda FAQ) e as preguntas de concursos anteriores.

E con estes enlaces e recursos poderedes buscar información para resolver as cuestións:

Xa temos algúns equipos:

 

Os de sempre

As Teseas

 

As Sereíñas

 

O Circo Romano

 

Os Oneiros

Exercicios de grego
Dec 23rd, 2011 by Fendetestas

Aquí tedes o listado de exercicios do apartado cultural, literario e mitolóxico das 4 primeiras unidades referidas ao amor, ao mar, á morte e á muller no mundo grego.

Cómpre contestalas todas. Non é preciso que copiedes o enunciado. Basta con que poñades o número de páxina, o número de exercicio e a resposta a continuación.

Tedes que facelo nun documento de texto (Word, OpenOffice, etc.) e mo enviades ao correo electrónico antes do final das vacacións de Nadal.

Lédeo con atención e respondede a todo, porque á volta das vacacións faremos un exame tipo test sobre estas cuestións.

Reparade en que o primeiro exercicio de cada unidade vai ser sempre de vocabulario: atopar o significado e escribir o enunciado de palabras gregas do campo semántico asociado ao tema.

  • páx. 15: buscar o enunciado (artigo, Nominativo e Xenitivo) e significado das palabras do vocabulario; exercicios 1, 2, 3, 4, 8.
  • páx. 17: exercicios 2, 3
  • páx. 21: exercicio 1.
  • páx. 35: buscar o enunciado (artigo, Nominativo e Xenitivo) e significado das palabras do vocabulario, exercicios 1, 2, 3, 4, 6, 7, 8.
  • páx. 37: continúa a narración de Aquilino Iglesia Alvariño, Teucro de paso por aquí. exercicios 2, 3, 4, 5.
  • páx. 54: exercicios 1, 2, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10.
  • páx. 55: exercicios 5, 7.
  • páx. 59: buscar o enunciado (artigo, Nominativo e Xenitivo) e significado das palabras do vocabulario, exercicios 1, 2, 3, 5, 6, 7.
  • páx. 61: exercicios 1, 2, 3, 4, 5, 6.
  • páx. 82: exercicios 1, 2, 3, 4, 5, 6.
  • páx. 84: exercicio 10.
  • páx. 88: buscar o enunciado (artigo, Nominativo e Xenitivo) e significado das palabras do vocabulario, exercicios 1, 2, 3, 4, 5, 7, 8, 9, 11, 12, 13
  • páx. 90: exercicios 1, 2, 4, 5
  • páx. 99: exercicios 6 a), 6 b)

Hai seis exercicios marcados con cores que precisan os textos que tedes a continuación:

  • páx. 15, exerc. 4   PLATÓN – O BANQUETE  (189c-190a)

Pois, ao meu parecer, os homes non se decataron en absoluto do poder de Eros, posto que se se decatasen levantaríanlle os maiores templos e altares e faríanlle os máis grandes sacrificios, non como agora, que non existe nada disto relacionado con el. Pois é o máis filántropo dos deuses, ao ser auxiliar dos homes e médico de enfermidades tales que, unha vez curadas, sería a maior felicidade para o xénero humano. Intentarei, pois, explicarvos o seu poder e vós seredes os mestres dos demais. Pero, primeiro, é preciso que coñezades a natureza humana e as modificacións que sufriu, xa que a nosa antiga natureza non era a mesma de agora, senón diferente. En primeiro lugar, tres eran os sexos das persoas, non dous, como agora, masculino e feminino, senón que había, ademais, un terceiro que participaba destes dous, cuxo nome sobrevive, aínda que el mesmo desapareceu. O andróxino, en efecto, era daquela unha cousa soa en canto a forma e nome, que participaba dun e doutro, do masculino e do feminino, pero que agora non é senón un nome que xace no esquecemento. En segundo lugar, a forma de cada persoa era redonda na súa totalidade, coas costas en forma de círculo. Tiña catro mans, mesmo número de pés que de mans e dous rostros perfectamente iguais sobre un pescozo circular. E sobre estes dous rostros, situados en direccións opostas, unha soa cabeza, e ademais catro orellas, dous órganos sexuais, e todo o demais como un pode imaxinarse segundo o dito. Camiñaba tamén recto como agora, en calquera das dúas direccións que quixese; pero cada vez que se lanzaba a correr velozmente, do mesmo xeito que agora os acróbatas dan tombos circulares facendo virar as pernas ata a posición vertical, movíase en círculo rapidamente apoiándose nos seus membros que entón eran oito. Eran tres os sexos e con estas características, porque o masculino era orixinariamente descendente do sol, o feminino, da terra e o que participaba de ambos, da lúa, pois tamén a lúa participa dun e doutro.

  • páx. 17, exerc. 2   RAMÓN CABANILLAS – O primeiro madrigal
Nun curruncho do Olimpo, certo día

que o Dios fillo de Venus e de Marte,

inda neno e sin xeito no seu arte,

no manexo do arco se impoñía,

botou man dunha frecha afiada e forte

e ó ceo a dirixeu tan por dereito,

         con tan cativa sorte,

que, ó caír, encravouse no peito.

         Amor, de amor ferido,

queixouse do dolor cun ai! sentido,

agre e doce, ridor e lastimeiro…

E foi este salaio de Cupido

            o madrigal primeiro!

  • páx. 35, exerc. 6  Canto III da ODISEA: Telémaco viaxa a Pilos para informarse sobre o seu pai

Levantárase Helios, abandonando o fermosísimo estanque do mar, cara ao broncíneo ceo para alumar os inmortais e os mortais caducos sobre a Terra doadora de vida, cando chegaron a Pilos, a ben construída cidadela de Neleo. Os pilios estaban sacrificando sobre a ribeira do mar touros totalmente negros en honor do de azulescura cabeleira, o que axita as terras. Había nove asentos e en cada un estaban sentados cincocentos homes e de cada un facían ofrenda de nove touros. Mentres estes degustaban as entrañas e queimaban as coxas en honor do deus, os de Ítaca entraban no porto; amainaron as velas da equilibrada nave, amarráronas, fondearon a nave e descenderon.

  • páx. 35, exerc. 7   Canto XII da ODISEA: Escila e Caribdis

No medio do escollo hai unha escura gruta volta cara ao Poñente, que chega ata o Erebo, por onde vós podedes facer pasar a cóncava nave, ilustre Odiseo. Nin un home vigoroso, disparando a súa frecha desde a cóncava nave, podería alcanzar a oca gruta. Alí habita Escila, que uvea que dá medo: a súa voz é en verdade tan aguda como a dun cachorro recentemente nado, e é un monstro maligno. Ninguén se alegraría de vela, nin un deus que lle dese cara. Doce son os seus pés, todos deformes, e seis os seus longos pescozos; en cada un hai unha espantosa cabeza e nela tres ringleiras de dentes apiñados e espesos, cheos de negra morte. Da metade para abaixo está agachada na oca gruta, pero ten as súas cabezas sobresaíndo fóra do terrible abismo, e alí pesca -explorándoo todo ao redor do escollo-, por se consegue apresar golfiños ou lobos mariños, ou ata algún monstro maior dos que cría a miles a xemidora Anfitrite. Nunca se prezan os mariñeiros de telo pasado de longo incólumes coa nave, pois arrebata con cada cabeza a un home da nave de escura proa e lévao.

Tamén verás, Odiseo, outro escollo máis chan -preto un doutro-. Farías ben en pasar por el como unha frecha. Neste hai unha gran figueira cuberta de follaxe e debaixo dela a divina Caribdis sorbe ruidosamente a negra auga. Tres veces durante o día a solta e outras tres volve a sorbela que dá medo. Oxalá non te atopes alí cando a está sorbendo, pois non che libraría da morte nin o que sacode a terra! Daquela achégache, máis ben, con rapidez ao escollo de Escila e fai pasar de longo a nave, porque mellor é botar en falta a seis compañeiros que non a todos xuntos.

Ler no seguinte enlace:

http://goo.gl/P8w9v

Ler o texto no seguinte enlace:

http://goo.gl/52L1k
Vocabulario
Nov 10th, 2011 by Fendetestas

Comezamos co estudo do vocabulario. Xa sabedes que ao final de curso debedes coñecer unhas 300 palabras de uso básico, tanto en latín como en grego. Isto seravos moi útil, non só para traducir textos sen necesidade de andar mirando continuamente o dicionario, senón tamén, e sobre todo, para ampliar o voso léxico tanto en galego como en castelán.

Poderiamos organizar este vocabulario por orde alfabética, como aparece nos dicionarios, ou por orde de frecuencia, é dicir, escollendo as palabras máis usadas. Nós imos utilizar o criterio gramatical, é dicir, escolleremos palabras da 1ª declinación, da 2ª, adxectivos, e así sucesivamente a medida que vaiamos avanzando coas explicacións gramaticais, clasificadas en función do seu xénero ou tipoloxía.

Cada unha das palabras do vocabulario estará enunciada co correspondente Nom. e Xen. (máis o artigo no caso de grego), seguido do seu significado e de derivadas ou compostas en galego que vos servirán para lembrar os significados e ao mesmo tempo para aprender neoloxismos, helenismos e palabras técnicas.

Aquí vos queda a primeira xeira. Mirade os seguintes vocabularios de grego. Tede en conta que debedes instalar a fonte Sgreek para os poder ler.  Aquí tedes as instrucións necesarias:

 
 
 
 

Para que vexades como pode ser o exame deste vocabulario aí vos vai un “simulacrum”.

Practicade!

Guía visual de Grecia
Out 6th, 2011 by Fendetestas

PROPOSTA

O alumnado de Grego I deste curso vai iniciar a súa andaina bloguera elaborando unha guía xeográfica e histórica de diversas localizacións da Grecia antiga. A idea é que lle presentedes aos nosos lectores e lectoras o máis relevante deses lugares, de xeito que dende a pantalla do ordenador calqueira poidamos viaxar ata aló e ata entón…

FORMATO

Podedes presentar o voso traballo no formato electrónico que desexedes (word, pdf, presentación de diapositivas, etc) e incluír nel, textos, fotos, vídeos, sons, enlaces a páxinas web.

TEMAS

Como sodes 23 alumnas e alumnos, ides ser vós quen escolla o tema do seguinte listado (en vermello os xa escollidos):

  1. Atenas
  2. Cnosos (Creta)
  3. Corinto
  4. Delfos
  5. Delos
  6. Éfeso
  7. Empúries (Ampurias)
  8. Epidauro
  9. Esparta
  10. Ítaca
  11. Lesbos
  12. Macedonia
  13. Magna Grecia
  14. Maratón
  15. Micenas
  16. Mileto
  17. Olimpia
  18. Olimpo (monte)
  19. Quíos
  20. Tebas
  21. Tera (Santorini)
  22. Termópilas
  23. Troia

Tamén existe a posibilidade de que vós propoñades outro. Cando escollades escribide a vosa decisión nos comentarios que vedes embaixo poñendo voso nome e o lugar seleccionado.

AVALIACIÓN

Valoraranse ata 2 puntos cada un dos seguintes apartados:

  • Presentación
  • Orixinalidade
  • Contido
  • Visibilidade do esforzo e tempo empregado
  • Variedade de medios utilizados

MATERIAIS

Ao rematardes o traballo enviádeo no prazo estipulado (antes do luns 24 de outubro) ao seguinte enderezo fendetestas.blogaliza@yahoo.es

Kαλό ταξίδι και καλή δουλειά…

As familias lingüísticas
Set 27th, 2011 by Fendetestas

 
 

 

 

mapa elaborado pola alumna Alba Sanjorge

Iniciamos este novo curso co tema das familias lingüísticas. O alumnado de 1º de BAC da materia de latín vai ser o encargado da investigación.

Logo da explicación na clase, van buscar como se din unha serie de palabras en diferentes idiomas para logo observar as semellanzas e diferenzas que existen entre as diversas familias.

En primeiro lugar, haberán de escoller tres linguas, unha da familia neolatina, outra da familia indoeuropea e outra dunha familia non indoeuropea.

Unha vez escollidas terán que averiguar como se din nesas linguas os seguintes grupos de palabras

  1. días da semana
  2. números do 1 ao 10
  3. léxico de parentesco: pai, nai, fillo/a, irmá(n), etc

Deste xeito acabaremos elaborando un documento semellante a este referido ás linguas románicas:

 

Agardo os vosos traballos…

Relatos verídicos de Luciano de Samósata
Dec 2nd, 2010 by Fendetestas

Vén de presentarse a primeira tradución ao galego dos Relatos verídicos (Ἀληθῆ διηγήματα) de Luciano de Samósata publicada pola Editorial Rinoceronte de Cangas do Morrazo especializada en traducións.

Coñecido como Luciano de Samósata, este intelectual e escritor do século II da nosa era, nacido na provincia romana de Siria e formado na retórica, filosofía e literatura clásica, polemista, irónico, finamente satírico -ata con el mesmo- e dun ático claro e asequible para un iniciado no grego clásico, merece ocupar un lugar máis senlleiro dentro da nosa literatura.

Dentro dos escritos nos que predomina a parodia de elementos da actualidade é onde se encadra a obra que nos ocupa, os Relatos verídicos, coñecidos tamén como Historia verdadeira, irónica xa no propio título, traducida por vez primeira ao galego e que baixo a forma narrativa dun diario de abordo, fai unha singradura pola filosofía e literatura da época e polo mundo coñecido e imaxinado.

Considerada como precursora da ciencia ficción, é, se cadra, o primeiro texto da literatura occidental conservado no que se relata unha viaxe á Lúa. A sátira, que o definía, impactará en autores tan sobranceiros como Tomás Moro, Erasmo, Ludovico Ariosto, Cyrano de Bergerac, Voltaire, Rabelais, Jules Verne, Jonathan Swift ou, posteriormente, H. G. Wells, por citarmos algúns.

No seu periplo pasa por unha illa cun río de viño e mulleres-vide e unha tempestade eleva a nave polos aires ata chegar á Lúa onde participan nunha batalla entre os selenitas e os habitantes do Sol no medio de xigantescas formigas, pulgas voadoras, voitres tricéfalos… De aí viaxan atravesando o ceo, pasando polo Luceiro da alba, polo Zodíaco e desembarcan na chamada Lucernópole, onde habitan e gobernan as lámpadas. Alcanzan finalmente o océano e son engulidos por unha balea descomunal dentro da cal habitan as tribos hostiles dos salgadores, tritonocabros, cangrexopinzas, cabezatúns, necoridas e sollápodos. Logo de pasaren máis de ano e medio levando unha vida tranquila dentro da balea e despois de contemplaren a batalla naval entre as xigantescas illas-barco, gobernadas por homes de 90 metros deciden, xa no libro II, saír da balea incendiando o bosque que hai dentro dela.

Navegan por un mar de xeo e depois por un de leite para chegar a unha illa de queixo. Atopan os habitantes da illa Cortizó que son quen de camiñaren sobre a auga sen afundiren. A seguinte parada faina na illa dos benaventurados onde describe a cidade dos mortos e mesmo se encontra con Homero, Odiseo, Anacreonte, Estesícoro e outros autores. Aproveita a presenza de Platón, Pitágoras, Empédocles e outros filósofos e a ausencia de estoicos e académicos para introducir as críticas a estes pensadores. Revive o rapto de Helena por parte dos seus compañeiros o que lles vale a expulsión do lugar. De alí chegan á illa dos impíos onde se encontra con Cíniras, Ctesias de Cnido, Heródoto e outros moitos.

Desembarcan logo na illa dos soños e despois en Oxixia onde ten oportunidade de falar con Circe. Despois do encontro cos cabazapiratas e os noznautas, atopan o niño dun alción e contemplan extraordinarios prodixios. Continúan a navegación polas copas das árbores do bosque mariño e  chegan a unha fenda no propio mar que atravesan por unha ponte de auga. A próxima parada é na illa dos cabezabois e de alí, logo de atopar os homes que navegan usando os falos como mastro do velame, chegan á illa das patiasnas, das que se libran para rematar a viaxe no “continente que estaba ao outro lado do que nós habitamos”.

Podedes ver unha selección de textos dos Relatos nesta web do profesor Ángel Luis Gallego Real do I.E.S. Vegas Bajas de Montijo (Badajoz) para practicar os vosos coñecementos. Fixádevos en que tedes notas que vos axudarán na tradución.

Mirade que curioso vídeo-resume da primeira parte do libro:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UlJG-mEaMmY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

E aquí a segunda:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/d5KuU5ldOxc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Reseñas e referencias:

 

Viaxe a Grecia
Out 7th, 2010 by Fendetestas

O pasado curso iniciamos una experiencia que consistiu en que o alumnado da materia de Grego I, que ten que dominar os contidos referidos á xeografía e historia de Grecia, debían imaxinar unha viaxe virtual no tempo aos distintos períodos e emprazamentos do mundo helénico e demostrar que “estiveran” alí, aportando datos da súa “visita”. Eses datos que recompilaban na rede, libros e fontes variadas, aparecerían periodicamente no seu diario de viaxe co formato dun blogue que elas e el crearon e onde ían falando dos lugares que visitaban, as persoas que coñecían e as épocas das que eran testemuñas. Na entrada que podedes ver máis abaixo tedes o resto dos datos.

Este curso e ante a perspectiva de podermos facer unha viaxe á Grecia actual, xa non virtual, senón real, ocorréusenos elaborardes entre todas unha guía de viaxe con documentación e materiais útiles para que queira ir aló.

As viaxeiras serán: Rebeca, Nerea, Yolanda e Ximena… un estupendo xineceo!

Acéptanse contribucións externas a traves dos comentarios…

E imos comezar repartindo o traballo:

  • Ximena será a encargada de nos aprender as palabras e frases básicas para podérmonos comunicar.
  • Rebeca vaise encargar de investigar todo o relacionado coa numismática grega, tanto o moderno euro como as antigas dracmas.
  • Nerea recompilará información verbo da gastronomía helénica: receitas, produtos…
  • Yolanda ocuparase de informarnos sobre que mercar en Grecia.

Toda a información irémola publicando aquí e servirá para avaliar os vosos coñecementos sobre xeografía e historia de Grecia.

Os criterios de avaliación son os seguintes, para que saibades a qué vos ater, e cada un será cualificado cun valor do 20% da nota da actividade, é dicir, 2 puntos sobre 10 e, claro está, a nota de cada “noticia” que publiquedes fará media co resto das notas  e terá un valor do 40% sobre a nota final da avaliación tal e como temos visto na programación da materia.

  1. Variedade de medios utilizados no artigo: documentación escrita, fotografías, vídeos, hiperenlaces… e calidade da presentación; como suxestión dicir que non sempre se trate dun documento de word… usade tamén as presentacións de diapositivas ou outras posibilidades que se vos ocorran.
  2. Orixinalidade na presentación e nos contidos.
  3. Cantidade de datos aportados que demostren o traballo e esforzo dedicado.
  4. Cada documento deberá incluír ao final a bibliografía e webs das que obtivestes a información e un apartado de exercicios, actividades, preguntas ou enigmas para que os lectores poidamos resolver.
  5. Corrección ortográfica e presentación como en calquera traballo ou exercicio que presentedes, seguindo os criterios de cualificación que coñecedes e que tamén aparecen na programación.

καλή δουλειά και καλή τύχη

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa