SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Números romanos
Febreiro 20th, 2013 by Fendetestas

A orixe dos números é incerta, aínda que, para sermos exactos habería que falar de algarismos, cifras ou díxitos. Sabemos que se comezaron a escribir antes ca as letras, acompañados polos ideogramas dos elementos que se precisaba contar.

Inventáronse, ao igual que a escritura, en Sumeria, no territorio que hoxe ocupa Irak, pola necesidade administrativa de rexistrar por escrito os pagos, ventas e actividades mercantís.

Comezou usándose un sistema de base decimal, xa que son dez os dedos das mans que se utilizan para contar. Noutras culturas empregouse un sistema fundado no número vinte (utilizaban tamén as dedas). Por exemplo, o éuscaro, no que temos hogei ‘vinte’, hogeita hamar ‘vinte e dez’, berrogei ‘dous vintes’, berrogeita hamar ‘dous vintes e dez’ e en francés, aínda se di quatre-vingts (catro vintes) para o número 80. Pero non son os únicos sistemas numéricos… pensa, se non, en como contamos nós aínda os ovos, os pasteis, a vaixela, etc.

O caso é que o sistema de numeración romano fundábase no número 5, se cadra por influencia dos pobos preindoeuropeos e por usar, claro está, unha soa man para contar.

A forma que coñecemos destas cifras foi asimilada á de algunhas letras do abecedario e iso fai que o sistema sexa sinxelo de aprender posto que só utiliza estes sete símbolos: 

I V X L C D M
1 5 10 50 100 500 1000

Xa que logo, o número un non tería nada que ver coa letra I e, se non ‘e vero, ‘e ben trovato que a unidade estaría representada por un dedo ou unha marca vertical e así sucesivamente ata o 4. O cinco sería entón a man aberta (V) e a suma das dúas mans tería a forma da X. Máis difícil sería explicar o resto das cifras…

O máis probábel é que os romanos adaptasen algunha das letras do alfabeto grego que non utilizaron para o seu abecedario, aproveitando a coxuntura de que C é a inicial de centum M, de mille.

A norma xeral era escribir esas cifras de forma que non se repetisen máis de cinco veces (I, II, III, IIII) como corresponde a un sistema decimal con base cinco (biquinario). Así, 24 escribíase XXIIII, 54 sería LIIII como pode verse na porta correspondente do Coliseo romano:

Deste xeito, non tería importancia a orde na que se escribisen as cifras xa que o sistema consistía en sumar os díxitos: 18 = XVIII ou XIIIV ou VXIII, etc. Trátase dun sistema aditivo e non posicional como o que usamos hoxe. Pronto, e para evitar confusións, tendeuse a colocar xuntas as cifras iguais, poñendo as meirandes á esquerda, e deixando á dereita as máis pequenas: 66 sería LXVI, é dicir, 50+10+5+1.

Co tempo xurdiu a necesidade de abreviar o sistema, especialmente para o uso epigráfico: non é o mesmo gravar na pedra catro símbolos (IIII) que dous (IV). Desta maneira, unha cifra menor colocada á dereita, suma, pero colocada á esquerda, resta. Así, VI, sería 5+1 (6), mentres que IV, sería 5-1(4). En contrapartida hai que considerar, non só o valor dos símbolos, senón tamén, a súa posición. Esta novidade fai que un número como 1999 pase de dezaseis símbolos (MDCCCCLXXXXVIIII) a só sete (MCMXCIX).

Con todo, as posibilidades de resta, limítanse ás cifras que inclúen o catro e o nove.

IV IX XL XC CD CM
4 9 40 90 400 900

 

PROPOSTAS DE INVESTIGACIÓN

  • Explica a etimoloxía das seguintes palabras: número, cifra, algarismo, díxito.
  • Atopa outros sistemas de numeración con base distinta da decimal.
  • Para que se seguen a usar as cifras romanas hoxe en día? Busca exemplos na rede.
  • De onde proceden as cifras chamadas arábigas que usamos hoxe e cando foron introducidas?
  • Localiza países ou culturas que utilicen hoxe en día un sistema de numeración con cifras diferentes das nosas.

FONTES

Tedes varios sitios en internet para practicardes a numeración romana:


Comments are closed

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa