SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Relatos verídicos de Luciano de Samósata
Dec 2nd, 2010 by Fendetestas

Vén de presentarse a primeira tradución ao galego dos Relatos verídicos (Ἀληθῆ διηγήματα) de Luciano de Samósata publicada pola Editorial Rinoceronte de Cangas do Morrazo especializada en traducións.

Coñecido como Luciano de Samósata, este intelectual e escritor do século II da nosa era, nacido na provincia romana de Siria e formado na retórica, filosofía e literatura clásica, polemista, irónico, finamente satírico -ata con el mesmo- e dun ático claro e asequible para un iniciado no grego clásico, merece ocupar un lugar máis senlleiro dentro da nosa literatura.

Dentro dos escritos nos que predomina a parodia de elementos da actualidade é onde se encadra a obra que nos ocupa, os Relatos verídicos, coñecidos tamén como Historia verdadeira, irónica xa no propio título, traducida por vez primeira ao galego e que baixo a forma narrativa dun diario de abordo, fai unha singradura pola filosofía e literatura da época e polo mundo coñecido e imaxinado.

Considerada como precursora da ciencia ficción, é, se cadra, o primeiro texto da literatura occidental conservado no que se relata unha viaxe á Lúa. A sátira, que o definía, impactará en autores tan sobranceiros como Tomás Moro, Erasmo, Ludovico Ariosto, Cyrano de Bergerac, Voltaire, Rabelais, Jules Verne, Jonathan Swift ou, posteriormente, H. G. Wells, por citarmos algúns.

No seu periplo pasa por unha illa cun río de viño e mulleres-vide e unha tempestade eleva a nave polos aires ata chegar á Lúa onde participan nunha batalla entre os selenitas e os habitantes do Sol no medio de xigantescas formigas, pulgas voadoras, voitres tricéfalos… De aí viaxan atravesando o ceo, pasando polo Luceiro da alba, polo Zodíaco e desembarcan na chamada Lucernópole, onde habitan e gobernan as lámpadas. Alcanzan finalmente o océano e son engulidos por unha balea descomunal dentro da cal habitan as tribos hostiles dos salgadores, tritonocabros, cangrexopinzas, cabezatúns, necoridas e sollápodos. Logo de pasaren máis de ano e medio levando unha vida tranquila dentro da balea e despois de contemplaren a batalla naval entre as xigantescas illas-barco, gobernadas por homes de 90 metros deciden, xa no libro II, saír da balea incendiando o bosque que hai dentro dela.

Navegan por un mar de xeo e depois por un de leite para chegar a unha illa de queixo. Atopan os habitantes da illa Cortizó que son quen de camiñaren sobre a auga sen afundiren. A seguinte parada faina na illa dos benaventurados onde describe a cidade dos mortos e mesmo se encontra con Homero, Odiseo, Anacreonte, Estesícoro e outros autores. Aproveita a presenza de Platón, Pitágoras, Empédocles e outros filósofos e a ausencia de estoicos e académicos para introducir as críticas a estes pensadores. Revive o rapto de Helena por parte dos seus compañeiros o que lles vale a expulsión do lugar. De alí chegan á illa dos impíos onde se encontra con Cíniras, Ctesias de Cnido, Heródoto e outros moitos.

Desembarcan logo na illa dos soños e despois en Oxixia onde ten oportunidade de falar con Circe. Despois do encontro cos cabazapiratas e os noznautas, atopan o niño dun alción e contemplan extraordinarios prodixios. Continúan a navegación polas copas das árbores do bosque mariño e  chegan a unha fenda no propio mar que atravesan por unha ponte de auga. A próxima parada é na illa dos cabezabois e de alí, logo de atopar os homes que navegan usando os falos como mastro do velame, chegan á illa das patiasnas, das que se libran para rematar a viaxe no “continente que estaba ao outro lado do que nós habitamos”.

Podedes ver unha selección de textos dos Relatos nesta web do profesor Ángel Luis Gallego Real do I.E.S. Vegas Bajas de Montijo (Badajoz) para practicar os vosos coñecementos. Fixádevos en que tedes notas que vos axudarán na tradución.

Mirade que curioso vídeo-resume da primeira parte do libro:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UlJG-mEaMmY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

E aquí a segunda:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/d5KuU5ldOxc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Reseñas e referencias:

 

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa