SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Viaxe a Grecia
Out 7th, 2010 by Fendetestas

O pasado curso iniciamos una experiencia que consistiu en que o alumnado da materia de Grego I, que ten que dominar os contidos referidos á xeografía e historia de Grecia, debían imaxinar unha viaxe virtual no tempo aos distintos períodos e emprazamentos do mundo helénico e demostrar que “estiveran” alí, aportando datos da súa “visita”. Eses datos que recompilaban na rede, libros e fontes variadas, aparecerían periodicamente no seu diario de viaxe co formato dun blogue que elas e el crearon e onde ían falando dos lugares que visitaban, as persoas que coñecían e as épocas das que eran testemuñas. Na entrada que podedes ver máis abaixo tedes o resto dos datos.

Este curso e ante a perspectiva de podermos facer unha viaxe á Grecia actual, xa non virtual, senón real, ocorréusenos elaborardes entre todas unha guía de viaxe con documentación e materiais útiles para que queira ir aló.

As viaxeiras serán: Rebeca, Nerea, Yolanda e Ximena… un estupendo xineceo!

Acéptanse contribucións externas a traves dos comentarios…

E imos comezar repartindo o traballo:

  • Ximena será a encargada de nos aprender as palabras e frases básicas para podérmonos comunicar.
  • Rebeca vaise encargar de investigar todo o relacionado coa numismática grega, tanto o moderno euro como as antigas dracmas.
  • Nerea recompilará información verbo da gastronomía helénica: receitas, produtos…
  • Yolanda ocuparase de informarnos sobre que mercar en Grecia.

Toda a información irémola publicando aquí e servirá para avaliar os vosos coñecementos sobre xeografía e historia de Grecia.

Os criterios de avaliación son os seguintes, para que saibades a qué vos ater, e cada un será cualificado cun valor do 20% da nota da actividade, é dicir, 2 puntos sobre 10 e, claro está, a nota de cada “noticia” que publiquedes fará media co resto das notas  e terá un valor do 40% sobre a nota final da avaliación tal e como temos visto na programación da materia.

  1. Variedade de medios utilizados no artigo: documentación escrita, fotografías, vídeos, hiperenlaces… e calidade da presentación; como suxestión dicir que non sempre se trate dun documento de word… usade tamén as presentacións de diapositivas ou outras posibilidades que se vos ocorran.
  2. Orixinalidade na presentación e nos contidos.
  3. Cantidade de datos aportados que demostren o traballo e esforzo dedicado.
  4. Cada documento deberá incluír ao final a bibliografía e webs das que obtivestes a información e un apartado de exercicios, actividades, preguntas ou enigmas para que os lectores poidamos resolver.
  5. Corrección ortográfica e presentación como en calquera traballo ou exercicio que presentedes, seguindo os criterios de cualificación que coñecedes e que tamén aparecen na programación.

καλή δουλειά και καλή τύχη

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa