SIDEBAR
»
S
I
D
E
B
A
R
«
Exame de Grego I: os numerais
Mai 22nd, 2009 by Fendetestas

Aquí tedes o exame 😉

… Xa me empezaron a pitar os oídos.

Contido: a proba consiste en elaborardes unha proposta de exame escrito cun mínimo de 5 preguntas sobre o tema: Os numerais gregos e helenismos derivados. Non se trata de que as respondades, senón só de que formuledes as preguntas. Evidentemente podedes facer preguntas do tipo: “Como se enuncia o número 1 en grego?” pero iso non será valorado igual que algo máis elaborado… nas vosas mans -e imaxinación- queda… fendédevos a testa!!!

Tempo: ata as 11.45, é dicir, que podedes, se o necesitásedes, utilizar o tempo do recreo. Se por calquera razón técnica (convenientemente xustificada) non me chegase o exame, gardádeo no lapis de memoria e máis adiante eu comprobarei que a derradeira modificación foi feita nese tempo. A outra posibilidade, segundo petición popular, é que o fagades en papel e llo deades ao profe de garda

Formato: o voso traballo tedes que mo enviar ao meu enderezo electrónico antes da hora determinada en calqueira formato (doc, odt, pdf, txt, ou mesmo otp, ppt, pps, é dicir, Word, OpenOffice, PowerPoint…) ou, tal e como solicitastes, nun moderno e tecnolóxico soporte fabricado de pasta de celulosa.

Materiais: podedes utilizar todo o que estea ao voso dispor: libro de texto, apuntes, libros da biblioteca, páxinas de internet, etc…

Valoración:

  • número mínimo de preguntas (5), máis cuestións, máis valor (10% da nota)
  • as preguntas están redactadas con claridade, a resposta será precisa e está indicada a puntuación de cada apartado (10%)
  • presentación (respectar as marxes, organización, numeración, etc) (10%)
  • recóllense a meirande parte dos elementos traballados na clase (10%)
  • as cuestións son variadas e a tipoloxía non se repite (20%)
  • as cuestións son orixinais e non coinciden con outra persoa (30 %)
  • inclúense enlaces de páxinas ou blogues con exercicios ou elementos sobre os numerais (10%)

Unha axudiña:

View more presentations from Rocío .
Enlaces:
E aquí están os vosos exames:
Busca e rebusca…
Mai 20th, 2009 by Fendetestas

Dende Historias na Lama, Diego nos propón outro enigma. Quen é o personaxe da foto e onde se atopa o seu busto?

busto_inv269

Eu só vos vou dar un par de pistas.

1. O texto da inscrición di o seguinte:

ΠΕΡΙΚΛΗΣ    ΞΑΝΘΙΠΠΟΥ   ΑΘΗΝΑΙΟΣ

Nos vos será difícil ler este alfabeto a aqueles que non o coñezades.

Os alumnos e alumnas de Cultura Clásica xa saben que todo iso é o nome completo do personaxe.

  • A primeira palabra é o nome propio, que adoitaba ser o do avó paterno.
  • A segunda viría sendo o patronímico, é dicir como o noso apelido paterno, que está en Xenitivo e se entendería como “fillo de”. Algo como os nosos sufixos -es (Fernandes: fillo de Fernando), -is (Pais: fillo de Paio), -ez (Vázquez: fillo de Velasco ou Vasco) ou os doutras linguas: xermánico von (Erich von Stroheim), anglosaxón son (Peterson) ou prefixo Fitz– (Fitzgerald); eslavo ov para varóns (Petrov) e –ova para as mulleres (Navratilova), italiano –ini (Mussolini), gaélico Mac para eles e Nic para elas (MacDhòmhnaill e NicDhòmhnaill ‘traducidos’ ao inglés como McDonald), en árabe e hebreo ben ou bin (Ben Hur, Bin Laden), etc.
  • E a terceira palabra fai referencia ao demos, á vila de onde procede.

2. Sufriu un proceso de desterro que se coñece como ostracismo, porque a votación se realizaba escribindo o nome do imputado nun óstrakon (ὄστρακον), en principio unha cuncha de molusco, e despois un anaco de cerámica reutilizada como o da foto.

sherd_agora_mus

3. Como derradeira pista unha caricatura do personaxe que vos pode dar algunha clave sobre os seus inimigos políticos:

vineta

Exames
Mai 19th, 2009 by Fendetestas

Como actividade de avaliación do tema O mundo feminino no mundo clásico propúxenvos elaborardes un modelo de exame no que eu valoraría os seguintes elementos:

  • número de preguntas: 10 (10% da nota)
  • as preguntas están redactadas con claridade e a resposta é precisa (10%)
  • presentación (respectar as marxes, ausencia de borranchos, etc) (10%)
  • recóllense a meirande parte dos elementos traballados na clase (10%)
  • as cuestións son orixinais (30 %)
  • as cuestións son variadas e a tipoloxía non se repite (30%)

A medida que mos vaiades enviando eu ireinos poñendo aquí para que todos e todas os compartamos.

Tania

Ana

Jacobo

Daniel

Leticia

Nerea

Rubén

Post scriptum: os alumnos e alumnas fixeron esta proba sen previo aviso, pois estudaron como para un exame tradicional. Tiveron os seus 50 min. para elaboralo e foi corrixido seguindo os criterios arriba explicados. Recibiron a súa calificación pero, durante varios días, os exames viaxaron polo instituto adiante logo de que eu  –mea culpa– os esquecese nunha aula. Xa os daba por perdidos cando apareceron no Dpto de Xeografía e Historia… Finalmente pedinlles que os pasasen a formato  dixital e aquí quedan pendurados para o mundo todo.

Ubi fui?
Mai 4th, 2009 by Fendetestas

A ver se adiviñades en que cidade estiven onte… As fotos da presentación vos poden axudar… ou non!


Intentade averiguar tamén as seguintes cuestións:

1.- A primeira é unha reprodución da Vitoria alada de Samotracia, cuxo orixinal está no museo de…

2.- Enfronte deste edificio hai outro de reminiscencias clásicas, xa que ten unhas columnas de orde…

3.- Na fachada dun comercio de roupa poden verse estas dúas estatuas de divindades grecorromanas. A que deuses corresponden e que relación pensades que gardan coa cidade?, é dicir, por que se escolleu a estes deuses e non a outros?

4.- Nunha rotonda instalaron esta reprodución dun famoso rapto mitolóxico. A quen se refire o mito? Por que se situou precisamente aquí?

5.- E a pista definitiva. O nome desta cidade non corresponde moi exactamente co que é hoxe en día, por que?

»  Substance:WordPress   »  Style:Ahren Ahimsa