Un ano máis procederemos a nos embarcar na nosa Odisea particular…
Intentaremos participar e sobre todo aprender… esa será a nosa competición particular: saber máis cando rematemos que cando comezamos, con ese reto por diante é imposible saírmos derrotados/as.
Este curso, o tema que centrará o concurso será «as viaxes no mundo grecorromano».
Os tres primeiros días (6, 7 e 8 de febreiro) sairán publicadas tres “preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:
No cuarto día (xoves 9 de febreiro) sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre as viaxes na Literatura grecolatina.
Na páxina web da SEEC Galicia podedes consultar as bases e calendario do concurso e unha relación de respostas ás dúbidas máis frecuentes que se teñen dado (Axuda FAQ)
E con estes enlaces e recursos poderedes buscar información para resolver as cuestións:
Xa temos algúns equipos:
Os de sempre
As Teseas
As Sereíñas
O Circo Romano
Os Oneiros
Aquí tedes o listado de exercicios do apartado cultural, literario e mitolóxico das 4 primeiras unidades referidas ao amor, ao mar, á morte e á muller no mundo grego.
Cómpre contestalas todas. Non é preciso que copiedes o enunciado. Basta con que poñades o número de páxina, o número de exercicio e a resposta a continuación.
Tedes que facelo nun documento de texto (Word, OpenOffice, etc.) e mo enviades ao correo electrónico antes do final das vacacións de Nadal.
Lédeo con atención e respondede a todo, porque á volta das vacacións faremos un exame tipo test sobre estas cuestións.
Reparade en que o primeiro exercicio de cada unidade vai ser sempre de vocabulario: atopar o significado e escribir o enunciado de palabras gregas do campo semántico asociado ao tema.
Hai seis exercicios marcados con cores que precisan os textos que tedes a continuación:
Pois, ao meu parecer, os homes non se decataron en absoluto do poder de Eros, posto que se se decatasen levantaríanlle os maiores templos e altares e faríanlle os máis grandes sacrificios, non como agora, que non existe nada disto relacionado con el. Pois é o máis filántropo dos deuses, ao ser auxiliar dos homes e médico de enfermidades tales que, unha vez curadas, sería a maior felicidade para o xénero humano. Intentarei, pois, explicarvos o seu poder e vós seredes os mestres dos demais. Pero, primeiro, é preciso que coñezades a natureza humana e as modificacións que sufriu, xa que a nosa antiga natureza non era a mesma de agora, senón diferente. En primeiro lugar, tres eran os sexos das persoas, non dous, como agora, masculino e feminino, senón que había, ademais, un terceiro que participaba destes dous, cuxo nome sobrevive, aínda que el mesmo desapareceu. O andróxino, en efecto, era daquela unha cousa soa en canto a forma e nome, que participaba dun e doutro, do masculino e do feminino, pero que agora non é senón un nome que xace no esquecemento. En segundo lugar, a forma de cada persoa era redonda na súa totalidade, coas costas en forma de círculo. Tiña catro mans, mesmo número de pés que de mans e dous rostros perfectamente iguais sobre un pescozo circular. E sobre estes dous rostros, situados en direccións opostas, unha soa cabeza, e ademais catro orellas, dous órganos sexuais, e todo o demais como un pode imaxinarse segundo o dito. Camiñaba tamén recto como agora, en calquera das dúas direccións que quixese; pero cada vez que se lanzaba a correr velozmente, do mesmo xeito que agora os acróbatas dan tombos circulares facendo virar as pernas ata a posición vertical, movíase en círculo rapidamente apoiándose nos seus membros que entón eran oito. Eran tres os sexos e con estas características, porque o masculino era orixinariamente descendente do sol, o feminino, da terra e o que participaba de ambos, da lúa, pois tamén a lúa participa dun e doutro.
que o Dios fillo de Venus e de Marte,
inda neno e sin xeito no seu arte,
no manexo do arco se impoñía,
botou man dunha frecha afiada e forte
e ó ceo a dirixeu tan por dereito,
con tan cativa sorte,
que, ó caír, encravouse no peito.
Amor, de amor ferido,
queixouse do dolor cun ai! sentido,
agre e doce, ridor e lastimeiro…
E foi este salaio de Cupido
o madrigal primeiro!
Levantárase Helios, abandonando o fermosísimo estanque do mar, cara ao broncíneo ceo para alumar os inmortais e os mortais caducos sobre a Terra doadora de vida, cando chegaron a Pilos, a ben construída cidadela de Neleo. Os pilios estaban sacrificando sobre a ribeira do mar touros totalmente negros en honor do de azulescura cabeleira, o que axita as terras. Había nove asentos e en cada un estaban sentados cincocentos homes e de cada un facían ofrenda de nove touros. Mentres estes degustaban as entrañas e queimaban as coxas en honor do deus, os de Ítaca entraban no porto; amainaron as velas da equilibrada nave, amarráronas, fondearon a nave e descenderon.
No medio do escollo hai unha escura gruta volta cara ao Poñente, que chega ata o Erebo, por onde vós podedes facer pasar a cóncava nave, ilustre Odiseo. Nin un home vigoroso, disparando a súa frecha desde a cóncava nave, podería alcanzar a oca gruta. Alí habita Escila, que uvea que dá medo: a súa voz é en verdade tan aguda como a dun cachorro recentemente nado, e é un monstro maligno. Ninguén se alegraría de vela, nin un deus que lle dese cara. Doce son os seus pés, todos deformes, e seis os seus longos pescozos; en cada un hai unha espantosa cabeza e nela tres ringleiras de dentes apiñados e espesos, cheos de negra morte. Da metade para abaixo está agachada na oca gruta, pero ten as súas cabezas sobresaíndo fóra do terrible abismo, e alí pesca -explorándoo todo ao redor do escollo-, por se consegue apresar golfiños ou lobos mariños, ou ata algún monstro maior dos que cría a miles a xemidora Anfitrite. Nunca se prezan os mariñeiros de telo pasado de longo incólumes coa nave, pois arrebata con cada cabeza a un home da nave de escura proa e lévao.
Tamén verás, Odiseo, outro escollo máis chan -preto un doutro-. Farías ben en pasar por el como unha frecha. Neste hai unha gran figueira cuberta de follaxe e debaixo dela a divina Caribdis sorbe ruidosamente a negra auga. Tres veces durante o día a solta e outras tres volve a sorbela que dá medo. Oxalá non te atopes alí cando a está sorbendo, pois non che libraría da morte nin o que sacode a terra! Daquela achégache, máis ben, con rapidez ao escollo de Escila e fai pasar de longo a nave, porque mellor é botar en falta a seis compañeiros que non a todos xuntos.
Ler no seguinte enlace:
Ler o texto no seguinte enlace:
Escollede artigos que vos chamen a atención por algunha razón e non esquezades Ctrl+F para atopar unha frase nun documento do explorador de internet. De cada artigo necesitaremos:
AUTOR, Título, Xornal, data e <url>
Seleccionade o parágrafo no que apareza a locución e pegádeo.
Resultan «dignos» de mención aqueles exemplos de mal uso da locución (id est: a grosso modo no canto de grosso modo ou ex proceso por ex profeso) que con frecuencia se escoitan e mesmo se len por aí. Podedes colocar a imaxe, vídeo, logo, ou o enlace url.
O resultado da vosa investigación debe quedar reflectida nun documento (un para cada unha das locucións que vos toque en sorte) elaborado en calquera formato dixital que me enviaredes ao enderezo de sempre.
Non esquezades consultar: http://it.wikipedia.org/wiki/Locuzioni_latine
E lembrade…
Poderiamos organizar este vocabulario por orde alfabética, como aparece nos dicionarios, ou por orde de frecuencia, é dicir, escollendo as palabras máis usadas. Nós imos utilizar o criterio gramatical, é dicir, escolleremos palabras da 1ª declinación, da 2ª, adxectivos, e así sucesivamente a medida que vaiamos avanzando coas explicacións gramaticais, clasificadas en función do seu xénero ou tipoloxía.
Cada unha das palabras do vocabulario estará enunciada co correspondente Nom. e Xen. (máis o artigo no caso de grego), seguido do seu significado e de derivadas ou compostas en galego que vos servirán para lembrar os significados e ao mesmo tempo para aprender neoloxismos, helenismos e palabras técnicas.
Aquí vos queda a primeira xeira. Mirade os seguintes vocabularios de grego. Tede en conta que debedes instalar a fonte Sgreek para os poder ler. Aquí tedes as instrucións necesarias:
Para que vexades como pode ser o exame deste vocabulario aí vos vai un «simulacrum».
Practicade!
A orixe dos números é incerta, aínda que, para sermos exactos habería que falar de algarismos, cifras ou díxitos. Sabemos que se comezaron a escribir antes ca as letras, acompañados polos ideogramas dos elementos que se precisaba contar.
Inventáronse, ao igual que a escritura, en Sumeria, no territorio que hoxe ocupa Irak, pola necesidade administrativa de rexistrar por escrito os pagos, ventas e actividades mercantís.
Comezou usándose un sistema de base decimal, xa que son dez os dedos das mans que se utilizan para contar. Noutras culturas empregouse un sistema fundado no número vinte (utilizaban tamén as dedas). Por exemplo, o éuscaro, no que temos hogei ‘vinte’, hogeita hamar ‘vinte e dez’, berrogei ‘dous vintes’, berrogeita hamar ‘dous vintes e dez’ e en francés, aínda se di quatre-vingts (catro vintes) para o número 80. Pero non son os únicos sistemas numéricos… pensa, se non, en como contamos nós aínda os ovos, os pasteis, a vaixela, etc.
O caso é que o sistema de numeración romano fundábase no número 5, se cadra por influencia dos pobos preindoeuropeos e por usar, claro está, unha soa man para contar.
A forma que coñecemos destas cifras foi asimilada á de algunhas letras do abecedario e iso fai que o sistema sexa sinxelo de aprender posto que só utiliza estes sete símbolos:
Xa que logo, o número un non tería nada que ver coa letra I e, se non ‘e vero, ‘e ben trovato que a unidade estaría representada por un dedo ou unha marca vertical e así sucesivamente ata o 4. O cinco sería entón a man aberta (V) e a suma das dúas mans tería a forma da X. Máis difícil sería explicar o resto das cifras…
O máis probábel é que os romanos adaptasen algunha das letras do alfabeto grego que non utilizaron para o seu abecedario, aproveitando a coxuntura de que C é a inicial de centum M, de mille.
A norma xeral era escribir esas cifras de forma que non se repetisen máis de cinco veces (I, II, III, IIII) como corresponde a un sistema decimal con base cinco (biquinario). Así, 24 escribíase XXIIII, 54 sería LIIII como pode verse na porta correspondente do Coliseo romano:
Deste xeito, non tería importancia a orde na que se escribisen as cifras xa que o sistema consistía en sumar os díxitos: 18 = XVIII ou XIIIV ou VXIII, etc. Trátase dun sistema aditivo e non posicional como o que usamos hoxe. Pronto, e para evitar confusións, tendeuse a colocar xuntas as cifras iguais, poñendo as meirandes á esquerda, e deixando á dereita as máis pequenas: 66 sería LXVI, é dicir, 50+10+5+1.
Co tempo xurdiu a necesidade de abreviar o sistema, especialmente para o uso epigráfico: non é o mesmo gravar na pedra catro símbolos (IIII) que dous (IV). Desta maneira, unha cifra menor colocada á dereita, suma, pero colocada á esquerda, resta. Así, VI, sería 5+1 (6), mentres que IV, sería 5-1(4). En contrapartida hai que considerar, non só o valor dos símbolos, senón tamén, a súa posición. Esta novidade fai que un número como 1999 pase de dezaseis símbolos (MDCCCCLXXXXVIIII) a só sete (MCMXCIX).
Con todo, as posibilidades de resta, limítanse ás cifras que inclúen o catro e o nove.
PROPOSTAS DE INVESTIGACIÓN
FONTES
Tedes varios sitios en internet para practicardes a numeración romana:
Eis os exercicios do libro para quen non o teñades aínda…
CLIC AQUÍ
Se precisades o significado dalgunha palabra, entrade neste dicionario en rede:
http://aliso.pntic.mec.es/agalle17/logos/inicio.html
Para quen estades preparando o exame e precisades máis datos sobre como as correntes migratorias influiron na división dialectal en Grecia, mirade estes mapas:
AS RAZÓNS DA DIVISIÓN DIALECTAL
Desde moi cedo os gregos estableceron unha diferenza clara entre os dorios e os aqueos, correspondéndose os primeiros cos «invasores» da segunda onda de poboamento, os mesmos que fixeron desaparecer a civilización micénica.
Estes movementos migratorios desprazaron os habitantes xa asentados en Grecia cara a territorios máis ao Sur e ao Leste como aconteceu cos aqueos, dos que un resto quedou na zona central do Peloponeso (arcadio) e despois foi levado por colonos polo sur de Asia menor (panfilio) e ata a illa de Chipre (chipriota). Tamén os xonios (xónico), que se desprazaron ás illas do centro do mar Exeo, Eubea e costa central de Asia menor. O subdialecto ático quedou restrinxido á península de Ática, aínda que sendo a forma lingüística de Atenas, foi a que, con moita diferenza, tivo unha máis ampla produción literaria na época clásica.
Pola súa banda, o dialecto eolio, orixinario das rexións continentais de Tesalia e Beocia e que ás veces é considerado froito dunha corrente migratoria posterior á doria, foi levado despois polos colonos ás illas do norte do Exeo e da costa de Asia Menor coñecida como Eolia.
Aquel dialecto ático, con aportacións sobre todo xonias, deu lugar á koiné (κοινὴ διαλεκτός), que acabou por impoñerse como lingua oficial en todo o Mediterráneo oriental e no Imperio formado por Alexandre. Na época romana a koiné utilizouse como lingua de cultura e posteriormente foi a lingua oficial do Imperio Bizantino (s. V ao XV).
Na actualidade os gregos distinguen entre dúas formas de lingua: a καθαρεύσα (limpa ou culta) e a δημοτική (popular), que é a variedade falada. Os gregos actuais son conscientes e orgullosos de falaren o mesmo grego, basicamente, da época clásica. A diferenza é semellante á que pode haber entre o galego actual e o das cantigas medievais.
Probade agora a facer este exercicio para repasar
E PARA SABER MÁIS:
PROPOSTA
O alumnado de Grego I deste curso vai iniciar a súa andaina bloguera elaborando unha guía xeográfica e histórica de diversas localizacións da Grecia antiga. A idea é que lle presentedes aos nosos lectores e lectoras o máis relevante deses lugares, de xeito que dende a pantalla do ordenador calqueira poidamos viaxar ata aló e ata entón…
FORMATO
Podedes presentar o voso traballo no formato electrónico que desexedes (word, pdf, presentación de diapositivas, etc) e incluír nel, textos, fotos, vídeos, sons, enlaces a páxinas web.
TEMAS
Como sodes 23 alumnas e alumnos, ides ser vós quen escolla o tema do seguinte listado (en vermello os xa escollidos):
Tamén existe a posibilidade de que vós propoñades outro. Cando escollades escribide a vosa decisión nos comentarios que vedes embaixo poñendo voso nome e o lugar seleccionado.
AVALIACIÓN
Valoraranse ata 2 puntos cada un dos seguintes apartados:
MATERIAIS
Ao rematardes o traballo enviádeo no prazo estipulado (antes do luns 24 de outubro) ao seguinte enderezo fendetestas.blogaliza@yahoo.es
Kαλό ταξίδι και καλή δουλειά…
Clicando nesta práctica de lectura podedes prepararvos para a proba oral.
Aquí vedes os exercicios de lectura do libro para os que non o teñades aínda.
Para practicardes as nocións explicadas en clase, seguide estes enlaces:
Agora vai a este libro ben antigo e le as páxinas 19 a 21. Nelas podes ver como se explicaba a lectura do latín. Quero que fagas o seguinte:
Escribe estas tres cuestións nos comentarios identificándote para poder sumarche a nota correspondente…
mapa elaborado pola alumna Alba Sanjorge
Iniciamos este novo curso co tema das familias lingüísticas. O alumnado de 1º de BAC da materia de latín vai ser o encargado da investigación.
Logo da explicación na clase, van buscar como se din unha serie de palabras en diferentes idiomas para logo observar as semellanzas e diferenzas que existen entre as diversas familias.
En primeiro lugar, haberán de escoller tres linguas, unha da familia neolatina, outra da familia indoeuropea e outra dunha familia non indoeuropea.
Unha vez escollidas terán que averiguar como se din nesas linguas os seguintes grupos de palabras
Deste xeito acabaremos elaborando un documento semellante a este referido ás linguas románicas:
Agardo os vosos traballos…